A Escola de Vela de Muxía resultou premiada este ano no concurso ambiental “Ponte as Pilas e Recicla” por recoller entre os meses de xullo e agosto nada menos que 160 quilos de pilas botadas ao mar. As pilas xeran moita contaminación, unha soa pila de reloxo pode contaminar a auga de toda unha piscina olímpica! Por iso a súa reciclaxe é esencial para evitar a contaminación ambiental.
En moitos casos, cometemos o descoido de tirar as pilas e baterías ao contedor do lixo. Isto produce que por regra xeral acaben nun vertedoiro, podéndose filtrar os metais pesados dos que están compostos, ao chan e a auga, ou pasando á atmosfera na súa incineración, facendo que ademais de ser contaminantes, contribúan á acentuación do efecto invernadoiro.
É imprescindible a reciclaxe das pilas, facéndose tremendamente necesario depositalas nos lugares axeitados, como os contedores da Fundación ECOPILAS. Precisamente ese é o obxectivo do concurso “Ponte as Pilas e Recicla, no que participaron o pasado verán 72 clubs náuticos e escolas de vela de toda España. Tratábase de recoller do mar cantas máis pilas mellor e depositalas nos contedores especiais que ten en cada club. O club que máis peso en pilas recolle é o gañador.
As fundacións ECOMAR e ECOPILAS organizan esta iniciativa e premian con material deportivo aos clubs máis activos. A Cataventos Escola de Vela de Muxía recibiu o terceiro galardón, sendo o primeiro posto para o Club do Mar Cariño e, o segundo, para Actividades Náuticas de Tenerife. Podes ler a noticia en prensa, aquí.