Ao falar de cambio climático falamos da variación global do clima da Terra. Dita variación prodúcese sobre os diferentes parámetros climáticos como son temperatura, precipitación, humidade, etc. Queres saber como variará o clima no noso concello?
O Informe de cambio climático de Galicia 2012-2015 recolle os datos relativos á variación do clima nos diferentes concellos galegos, estes son os resultados para Muxía:
TEMPERATURA MÁXIMA: aumentará entre os 3°C e os 4°C no verán e entre 2°C e 3°C no inverno e na media anual.
VAGAS DE CALOR: Unha vaga de calor defínese como o período consecutivo de polo menos 6 días cunha temperatura máxima 5 graos por encima da media climatolóxica estival (xuño-agosto) durante o período de referencia 1971-2000. En Muxía as vagas de calor non serán un fenómeno que amose unha grande variación, aumentarán entre 0 e 2 días.
TEMPERATURAS MÍNIMAS: As mínimas deixarán de ser tan pequenas, e sufrirán aumentos entre 2°C e 3°C.
DÍAS CÁLIDOS: Aparecerán entre un 10 e un 20% máis en media.
NOITES CÁLIDAS: Se na actualidade temos menos dun 5% deste tipo de noites, no futuro (2061-2090), teremos entre un 20 e un 30%.
XEADAS: O número de xeadas tende a diminuír, situándo se entre 0 e 10 días menos que
NOITES E DÍAS FRÍOS: O número de días fríos tenden a desaparecer, quedando en promedio anual en xeral, por debaixo do 1% e soamente algún modelo concreto predí que eses días poden aparecer entre o 1 e o 2%. Se vemos con detalle cada unha das catro estacións do ano, soamente en primavera saímos deste patrón, posto que nalgún caso, os modelos nos din que estes días poderían aparecer entre o 2 e o 3% dos días.
PRECIPITACIÓNS: As proxeccións non amosan cambios moi intensos. O déficit de precipitación quedaría entre o 5% e o 10% na media anual. Se entramos nos detalles estación por estación, vemos que no caso do inverno que a mediana tende a dar cantidades superiores ás rexistradas no clima actual, é dicir, que choverá entre un 10 e un 20% máis. Na primavera, a tendencia é máis clara cara un déficit de precipitación, sendo o verán é a estación na que o déficit de choiva é máis acusado, superior ao 35%. No outono a situación é semellante á da primavera, cun déficit medio xeral entre o 15% e o 20%.
APORTE DA PRECIPITACIÓN INTENSA NA TOTAL: Este concepto respondería á pregunta de se as choivas extremas achegan moito á choiva total. De acordo aos datos de MeteoGalicia, a porcentaxe de choiva extrema tende a aumentar. O aumento porcentual dos “días moi chuviosos”, é de entre +4 e +8 días. Con todo, a incerteza das proxeccións para este índice é elevada e non se pode descartar que o cambio sexa practicamente cero ou mesmo negativo, nese caso, a achega das choivas extremas á choiva total diminuiría.
DURACIÓN MEDIA DOS PERIODOS SECOS: Un período seco son polo menos 6 días consecutivos con precipitacións diarias < 1mm. A duración media dos períodos consecutivos secos tende a aumentar. Os valores máis probables oscilan entre +2 e +4 días.
DÍAS DE CHOIVA: O número de días de choiva tende a diminuír con valores máis probables de entre -24 e -28 días ao ano. Como é xeralmente o caso para as variables asociadas á precipitación, a incerteza das proxeccións tamén é elevada para este índice e non se pode descartar que o número de días de choiva non cambie ou mesmo aumente.