O alcalde de Muxía, Iago Toba, fai un chamamento a favor das políticas públicas contra o Cambio Climático e reivindica a capacidade que temos todas e todos, como sociedade, para contribuír a construción dun futuro mellor para as xeracións vindeiras.
O Planeta é o noso fogar, e será o lugar que acolla ás vindeiras xeracións. É unha responsabilidade de todas e todos coidar o que é noso, e o que lle pertencerá tamén ás xeracións do mañá.
É por iso que non dubidamos nin un instante en adherirnos ao Pacto das Alcaldías polo Clima, o que supón o compromiso de Muxía para reducir as emisións de CO2 no noso territorio nun 40% de aquí a 2030, e particularmente a través da mellora de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovables, sumando isto a necesidade de aumentar a resiliencia mediante as adaptacións ás repercusións do cambio climático.
O primeiro paso neste longo pero apaixoante camiño é a elaboración dun Inventario de emisións de referencia de C02, para cuantificalas e posteriormente realizar unha Avaliación de Riscos e Vulnerabilidades Climáticas, tarefa nada sinxela pero que conta co mellor equipo de profesionais técnicos para levalas a cabo.
Xusto isto, esta cadea, é o elemento fundamental para poder levar a cabo un proceso. Reivindico isto. A capacidade que temos todas e todos como sociedade para que, con pequenos xestos, poidamos contribuír na nosa suma a mellorar o noso fogar, e a aclarar un pouco un futuro que, de seguir por este camiño, sería de cor negra.
Reitero, novamente, o compromiso de Muxía por extensión, e o meu de xeito particular, para articular políticas públicas a favor da concienciación medioambiental, e accións enmarcadas nun contexto actual para preservar o noso Planeta.
Conto contigo, e contigo, e con todas e todos vós neste camiño, que xa está a ver agromar as primeiras sementes, e que estou seguro que será nun futuro próximo unha árbore frondosa e repleta de conciencia e boas accións.
Adiante!